I Feira de Cervexas Artesás Galegas
Os días 9, 10 e 11 de maio a cidade de Lugo acollerá a I Feira de Cervexas Artesás Galegas.
Durante eses días 13 cervexeiros de todo Galicia ofrecerán máis de 100 tipos de cervexas diferentes con múltiples matices como de mel ou castañas.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, acompañada por Esteban Loureiro, Presidente da Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns, e polo lucense Alberto Curiel, productor da cervexa Aloumiña, presentaron esta mañá a primeira edición da Feira da Cervexa Artesá que se vai a celebrar en Lugo.
Os días 9, 10 e 11 de maio, na Praza Horta do Seminario, instalaranse 13 cervexeiros artesáns de toda Galicia, principalmente da provincia de Pontevedra, que farán degustación e venderán as súas producións de cervexa elaborada de forma artesanal e con produtos naturais.
Ademais tamén se realizarán unha serie de actividades cultural entorno a esta evento, como cursos para aprender a elaborar a cervexa na casa, charlas informativas, degustacións, venda de produtos, música e premios ás cervexas mellor valoradas. Tamén se aproveitará esta cita para presentar tres novas marcas de cervexa artesanal galegas, como son Áncora de Ourense, Trisquel de Nigrán e Nós de Mos.
Carmen Basadre explicou que “é unha idea novidosa e que hai que dar unha oportunidade aos novos emprendedores porque esta é unha actividade realizada principalmente por xente nova” e incidiu en que “un evento deste tipo a nivel galego tamén pode atraer a moitas persoas que non son de Lugo a visitar a nosa cidade”.
“As persoas que se acheguen van a poder descubrir unha serie de matices e posibilidades nas cervexas que nunca imaxinaran ademais de experimentar novos sabores e de coñecer o sabor real dunha cervexa feita de maneira artesanal respetando os tempos de maduración” segundo manifestou Alberto Curiel, productor da cervexa Aloumiña e que comezou a súa produción nun dos locais do CEI-Nodus.
Por outra parte, Esteban Loureiro, sinalou que esta Feira vai ser unha oportunidade única para que se achegue a xente a probar novos tipos de cervexas como poden ser as que levan matices de mel, castañas ou pementos de Padrón.
Vía: Lugo.es