Actividades formativas de carácter sanitario para a mocidade lucense
Os mozos e mozas de Lugo poderán participar nos cursos de socorrismo acuático, primeiros auxilios e DEA.
A Concellería de Xuventude, que dirixe Rosana Rielo, porá en marcha un conxunto de actividades formativas que, segundo a Concelleira, "conforman un amplo abano de actividades que van dende cursos de socorrismo, e primeiros auxilios ata cursos de DEA".
Rielo destacou o esforzo que "estamos a facer desde a concellería para tratar de incrementar a inserción laboral dos mozos, neste caso na rama sanitaria".
- Curso de primeiros auxilios. A Concelleira explicou que se trata dun curso de 20 horas de formación que se desenvolverá entre o 10 e o 11 de abril. O prezo será de 30 euros e o prazo de inscrición poderá realizarse ata o 31 de marzo ás 14.00 horas na Oficina de Atención Xuvenil do Uxío Novoneyra.
- Curso de socorrismo acuático.- Terá unha duración de 80 horas e un prezo de 60 euros. E o prazo de inscrición estará aberto entre o 12 e o 27 de abril.O horario do curso será os sábados e os domingos de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.30 horas. O Curso comezará o 8 de maio e rematará o 20 de xuños. Todos os pre-inscritos deberán pasar as seguintes probas mínimas de natación determinadas pola asociación encargada de impartir o curso: 200 metros estilo libre en menos de 4Ž15 minutos e 25 metros de Apnea.
- A Concelleira de Xuventude tamén presentou como novidade deste ano un curso de DEA (desfibrilador externo automatizado) que terá lugar o sábado 26 de xuño en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Este curso ten un custo de 15 euros e o prazo de inscrición estará aberto entre o 1 e o 18 de xuño.
Todos estes cursos, impartidos por Cruz Vermella, están dirixidos a mozos e mozas de 18 a 30 anos que estén censados, traballando o estudando na cidade. Os interesados poden formalizar a súa inscrición na Oficina de Información Xuvenil do Concello de Lugo sita no terceiro andar do Centro Social Uxío Novoneyra.
Para máis información en relación con estas actividades pódese chamar ao 982 297 496 ou acudir á Oficina de Información Xuvenil do Concello de luns a venres en horario de mañá de 10.00 ás 14.00 horas, e de 16.30 a 19.00 horas.
Vía || lugo.es