SOGAMA, entre as principais industrias contaminantes de Galiza
Sorprende que SOGAMA, unha industria creada para evitar a contaminación dos residuos urbanos, sexa unha das máis poluintes de Galiza:
Cada ano emite á atmosfera 327.000 Tm de CO2 (equivalente as emisións de 136.000 vehículos); 154 Tm de NOx; 309 Tm de partículas e 14,6 kg de mercurio. Destacan tamén as verteduras de auga industrial, 548.318 m3, equivalente ao consumo dunha poboación de 10.000 habitantes, e de metais pesados, en especial arsénico (13,7 kg), cadmio (5,48 kg) e mercurio (3 kg), aparte dos fenois (27,3 kg) de efectos canceríxenos e teratóxenos. Alén de "tratar" residuos urbanos, SOGAMA tamén produce residuos perigosos, 31.500 Tm en 2008, fundamentalmente cinzas. Estes datos están tirados do Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR). Con semellante curriculum, como pretende a Xunta seguir apostando polo modelo SOGAMA no seu PXRSUG 2010-2020, e moito menos amplialo, para "tratar" a maioría dos residuos urbanos?
No rexistro PRTR, non se citan as emisións a atmosfera de monóxido de carbono, dióxido de xofre, doutros metais pesados alén do mercurio, nen das dioxinas e furanos, substancias moi tóxicas producidas pola incineración. Na incineradora quéimanse tamén produtos farmacéuticos (400 toneladas só en xullo-agosto do 2009), prática que podería presentar problemas para a saúde humana polas emisións de diversas de substancias químicas procedentes dos medicamentos. Considérase que o 72% dos restos de medicamentos depositados nos puntos SIGRE das farmacias do Estado dende 2002 acabaron no vertedoiro de SOGAMA, e menos da terceira parte destes residuos foron reciclados.
En canto aos consumos, o "Complexo Medioambiental" de Cerceda consome anualmente, 1,3 millóns de m3 de auga, máis que a maior fatoría industrial de Galiza, a fábrica PSA de Vigo. O volume de auga gastado por SOGAMA chegaría para abastecer a unha vila de máis de 21.000 habitantes. O consumo de electricidade, 40.513 Mwh, tamén é alto e abondaría para satisfacer as necesidades unha vila de 27.000 habitantes. Curiosamente, SOGAMA gasta máis enerxía da que produce, sendo o principal responsábel deste balanzo enerxético negativo as 2.772.457 Nm3/ano de gas natural, usado fundamentalmente para "secar" o lixo antes de queimalo.
Esta é a realidade do modelo SOGAMA, un auténtico despropósito ambiental, unha verdadeira ruina económica para os concellos e un inmenso risco para a saúde da cidadanía, que a Xunta pretende agora reproducir perpetrando unha nova incineradora sur do país.
Pódense consultar os datos de SOGAMA fornecidos polo Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR) nesta LIGAZÓN.
Vía || adega