Contos dos nosos avós 1234 (en galego). A Coca de Redondela

Hai moito, moito tempo, Redondela era unha pequeniña vila habitada por xentes que sacaban o alimento do mar con pequenas dornas, e que vivían felices.
Pero un día un terrible monstro emerxeu das profundidades do mar. Tiña como de dragón unha longa cola, coma de serpe unhas enormes escamas, ás como as dos morcegos, catro grandes pernas rematadas en afiadas poutas, e unha cabeza con ollos de lume, boca de fortes queixadas e dentes afiados.

A grandes brincos chegou dende a praia ata a praza da vila onde a xente estaba divirtíndose porque era día de festa. En pouco tempo papou dúas mozas sen que ninguén puidese impedilo. Coa mesma rapidez volveu a mergullarse nas augas e desapareceu.

Unha e outra vez repetiu o feito en días sucesivos, levando sempre ás máis fermosas mozas.

A tristeza e o medo apoderábase dos habitantes de Redondela, pero cumpría buscar unha solución. Tódolos veciños foron chamados ó concello e decidiron escolle-los mozos máis fortes e valentes para dar morte ó monstro.

Varios días estiveron os vintecatro mozos escollidos practicando coas espadas para facerlle frente. No campanario da igrexa estaba día e noite un vixía axexando para da-lo sinal cando a besta aparecese de novo.

Cando apareceu a coca, os arriscados mozos botáronse a ela e despois dunha encarnizada loita conseguiron matala.

Formouse unha grande procesión e a besta foi arrastrada ata a praza da vila, onde os bravos loitadores danzaron o primeriro baile das espadas, e as mozas máis fermosas erguían sobre os ombros ás meniñas que tiñan máis preto, así naceron as penlas que ainda hoxe se poden ver nas festas máis importantes da vila.

Dende entón, o día de Corpus, Redondela celebra a danza das espadas e o baile das penlas despois do paseo dunha coca por toda a vila, en conmemoración da victoria dos seus mozos sobre a besta asasina que encheu de espanto e dor a humildes xentes do lugar, hai moitos, moitos anos.

VER MAIS

por dilam
- 2076 lecturas
acoca contos engalego lendas redondela refranes
blog comments powered by Disqus