Os comerciantes de San Marcos rexeitan a construcción dun aparcamento soterrado
O Concello tratou do plan das obras de peonalización cos comerciantes desta rúa.
Os Concelleiros de Economía e Emprego, Sonia Méndez, e de Protección da Comunidade, José Rábade, mantiveron esta tarde unha xuntanza cos comerciantes da rúa San Marcos para tratar sobre o proxecto de peonalización desta céntrica rúa que farán o Concello e a Deputación con fondos do Plan Urban.
Na xuntanza, celebrada esta tarde, os propietarios de establecementos da zona amosaron a súa oposición radical e unánime á proposta do Partido Popular de facer un aparcamento soterrado na rúa San Marcos.
Todos os comerciantes que asistiron ó encontro manifestáronse en contra da proposta do PP porque consideran que suporía ter en obras a rúa durante demasiado tempo co conseguinte perxuizo económico para os seus establecementos.
Á xuntanza asistiron representantes de oito establecementos situados na rúa San Marcos.
Os Concelleiros de Economía e Protección da Comunidade e os comerciantes trataron na xuntanza sobre o plan de obras para que éstas ocasionen as menores molestias posibles ós comerciantes e tamén trataron das axudas do Plan Urban para a renovación de rótulos e fachadas dos locais comerciais.
O proxecto de peonalización da rúa San Marcos suporá un investimento de 1.650.000 euros e vaise financiar con fondos do Plan Urban.
O prazo de execución é de seis meses aínda que na adxudicación da obra valorarase a redución do prazo e a superficie sobre a que se vai actuar é de 8.000 metros cadrados.
Vía || lugo.es