O 14 e 21 de xullo Uxía Senlle e Iván Ferreiro en Lugo

Os artistas Uxía Senlle e Iván Ferreiro serán os protagonistas da cuarta edición do ciclo de concertos "Entre Lusco e Fusco" que se desenvolverá en Lugo os mércores 14 e 21 de xullo ao amparo do convenio Lugo Cultural.
Estes recitais terán lugar ás 21:00 horas no anfiteatro do Parque Rosalía de Castro, xa que un dos obxectivos principais deste ciclo musical é promover a recuperación de zonas naturais como espazos escénicos. En caso de choiva, as actuacións trasladaranse ao Auditorio Gustavo Freire.

Uxía Senlle
A intérprete de Mos actuará en Lugo o mércores 14 de xullo ás 21:00 horas. No seu concerto, Uxía presentará os temas fundamentais da súa discografía co seu proxecto máis íntimo e persoal, Uxía Trío, no que conta co acompañamento musical das guitarras de Sergio Tannus e Alejandro Luzardo.

Neste recital escoitaranse tamén versións dos temas máis representativos dos seus vintecinco anos de carreira xunto a algunhas sorpresas e novidades. Uxía reivindica a proximidade co público con concertos nos que cantar ao oído da xente e facer que participe e respire con ela as súas melodías e letras favoritas.

Iván Ferreiro
O cantante vigués Iván Ferreiro presentará na capital luguesa o seu terceiro disco en solitario, Picnic Extraterrestre, unha obra penetrante e dominada pola intensidade emocional e os climas musicais e á que sobrevoa unha certa sensación de catarse. Será cun concerto acústico, o mércores 21 de xullo ás 21:00 horas.

Con vinte anos de traxectoria musical dende que comezara xunto a Los Piratas, Iván Ferreiro combina no seu novo traballo a mellor tradición pop coa investigación e a innovación constante para falar do pracer e da dor, da vida en definitiva.

lugo.es

por dilam
- 2306 lecturas
conciertos enlugo ivanferreiro uxiasenlle
blog comments powered by Disqus