Lugo. Festival de Pardiñas en Guitiriz
O festival guitiricense, que se celebrará o 7 e 8 de agosto, contará ademais con grupos de Galicia, Alemania, Irlanda e Madrid.
Activo e participativo. Así foi e así quere seguir sendo o Festival de Pardiñas. E para conseguilo, na súa edición número 31, que será os días 7 e 8 de agosto, volverá contar con "grupos que animen a cantar, a bailar e a facer troula para que a xente viva o festival e disfrute del", como recoñeceu onte na presentación Alfonso Blanco, responsable de Xermolos, a asociación organizadora desta gran festa, na que, ademais, "nun sinfín de espazos" daranse cita todas as disciplinas artísticas.
Esta feira e festa da música e da arte abrirá ás súas portas ao público ás seis da tarde do sábado coa Mostra de instrumentos tradicionais, un espazo de encontro para artesáns, intérpretes e investigadores, que conta coa súa propia programación de actividades, con obradoiros e con actuacións de artistas e espontáneos, nunha sucesión continua de creatividade.
Mostra de fotos de Pardiñas
E entre as exposicións de artesanía, cerámica, debuxo, escultura e pintura que cada ano conforman eses outros espazos do festival, este ano sobresae a mostra de instantáneas tomadas o ano pasado na que unha decena de fotógrafos galegos ofrece a súa visión de Pardiñas.
A carreira popular deste ano, que se celebrará a partires das sete, será en recordo de Julián, o atleta máis veterano de cantos participaban nesta proba, e que faleceu o pasado mes de marzo aos 92 anos. Os concertos da primeira xornada do Festival de Pardiñas estarán protagonizados polos grupos galegos Bellón Maceiras Quinteto e Galegoz, que, xunto cos alemáns Äl Jawala e os madrileños Canteca de Macao, farán que a música non deixe de soar desde as dez da noite ata altas horas da madrugada. O domingo, as máis de 20.000 persoas que se agardan no festival, poderán visitar todas as mostras citadas. Igualmente haberá demostracións de cesteiros, zoqueiros e demais artesáns, a Feira do libro e as actuacións, en contacto directo co público, da Orquestra Pantasma e de Pepé Penabade, así como doutros grupos de música tradicional. O pregón do festival pronunciarao ás seis da tarde do domingo o sociólogo vilalbés Bernardo García Cendán. Logo da entrega dos premios dos concursos de debuxo, poesía e relato, nos que participaron preto dun milleiro de nenos, darán comezo os últimos concertos: do gaiteiro compostelán Pablo Seoane, dos grupos galegos Pelepau e Güintervan e do irlandés Alalé. Pardiñas tamén contará co retorno de Xosé Manuel Budiño, que volve actuar no festival despois de 11 anos, para presentar o seu quinto traballo: Volta. Con 120.000 euros de presuposto, co festival colaboran o Concello de Guitiriz, a Deputación de Lugo e a comunidade de montes de Lagostelle. É o único festival lucense con patrocinio do Xacobeo, como dixo onte José Carlos Rodríguez Andina, xefe territorial de Cultura.
Vía ||lavozdegalicia.es