O timo, en selos ou no que sexa
UNHA veciña de Guntín, grazas ao timo da estampiña, resultaba estafada hai dous anos na rúa da Cruz.
Os enganadores, valéndose dunha estrataxema como era que lle ían entregar parte do botín que dicían ter se os axudaba, conseguiron levarlle á señora 2.000 euros. É dicir, que por ese diñeiro que poñía inicialmente, asegurábanlle un millón de pesetas. Un timo. ¿Compensouna o Estado por elo? Claro que non.
Outro veciño da provincia, Manolo, levou un xato á feira. Como disto hai xa uns anos, daquela vendeuno ben. Pero no camiño entre o xantar e mais chegares á casa atopou cuns que lle fixeron crer que o día podía ser redondo. Engaiolárono de tal xeito que tamén el acabaría coma aqueloutra, cunha bolsa chea de papeis crendo que eran billetes. Incrible.
O peor disto foi que cando chegou á casa sen un can non sabía cómo explicarllo á muller. Nin aos seus fillos. ¿Axudoulle o Estado? Non, claro que non.
Por outra banda, Euxenia e Luís, aló a mediados dos 80, decidiron constituír un plan de pensións. Outros optaron por un fondo. A trinta anos. Aseguráronlles entón un alto interese, como contraprestación á cantidade que mes a mes destinaban para ese fin. Será como ter outra xubilación, dicíanlles.
Logo resultaría que os intereses habían baixar ao demo, a Bolsa derrubouse despois do 11-S e asustados, os inversores tiraron para si do que puideron salvar. E iso que entidades e as propias autoridades monetarias aconsellaban daquela investir nestes produtos. As perdas foron millonarias. ¿Resarciunos o Estado? Claro que non. Polo tanto, ¿cómpre que os afectados pola estafa do Fórum e Afinsa peten agora na porta do papá Estado? Outra cousa será que deste ou da Xunta reciban asesoría e nalgún caso axudas. Falaremos das responsabilidades.
Fuente:La Voz de Galicia
Autor:Carlos Vázquez